Thursday 28 de March de 2024

Miño colaborará con ACOUGO en materia de atención e protección de menores


• O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo e a concelleira de Servizos Sociais, Yolanda Belo asinaron o convenio de colaboración coa Asociación Galega de Familias de Acollida.

O Concello de Miño reafirma a súa aposta para garantir o benestar dos menores a través dun acordo de colaboración coa entidade ACOUGO, dedicada á defensa dos dereitos deste sector poboacional.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, e a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Miño, Yolanda Belo, formalizaron o acordo coa Asociación Galega de Familias de Acollida a través da firma dun convenio de colaboración coa presidenta deste organismo, Rebeca Pereiro.

A través deste acordo, o Concello comprométese a cooperar no desenvolvemento de programas de atención, formación e difusión en materia de protección de menores e na acollida familiar.

Desde o goberno local sinalan a importancia “de colaborar neste tipo de iniciativas encamiñadas a promover mellores condicións para vos nosos menores” e inciden na importancia de “chegar a acordos de cooperación con este tipo de entidades que ofrecen un servizo esencial na nosa sociedade”.